A Isa Fernández (Miñambres de la Valduerna, León, 1993) o Premio de Teatro Calderón de la Barca pillouna enfrascada nos preparativos da súa segunda montaxe teatral. Entre ensaio e ensaio, entrevistamos á dramaturga, directora e creadora escénica. Asegura que aínda está asimilando o alcance deste novo galardón, un dos máis prestixiosos de España para autores noveis. “Para min este premio é como a reafirmación de que este é o camiño que quero tomar a nivel profesional, por moi difícil que sexa, e de que sinto que hai algo que funciona. Como que as cousas que eu tento contar cando escribo, chegan ás lectoras e a xente o recibe. Entón é un ánimo por seguir loitando por dedicarme de xeito profesional a isto”, sostén.
A obra premiada, 'Campo de fuerzas', escribiuna esta primavera cando, por motivos familiares, pasou máis tempo no seu pobo natal, en León. Inspirouse nel e na crise que afecta á mocidade que se ve obrigada a retornar da cidade ao fogar familiar no rural, ante a falta de espectativas. “Nace un pouco desa tensión que penso que temos moita xente da miña xeración. Fumos criados en aldeas, en familias moi vinculadas á terra, tradicionais en moitos sentidos. E somos as primeiras persoas universitarias da familia. E en ver como regresamos a ese mundo do que vimos cunha profunda admiración, pero tamén con moitas cousas que non entendemos ou non nos encaixan. E como tamén ese mundo nos ve a veces como bichos raros”, reflexiona Isa Fernández.
Unha traxectoria prometedora
O xurado destaca a “sensibilidade e empatía” dun texto arriscado e moi vixente. Isa Fernández asegura que lle gusta levar a escena os problemas da súa xeración. En 'Ca-co-flex', a primeira obra que escribiu e montou coa súa compañía ALOMAIS Teatro, abordaba a crise da vivenda. Agora vai pola segunda, 'O Miradoiro', coa que gañara o premio Abrente da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, e que estrea en Rianxo en dúas semanas. “Como compañía emerxente, cun ano de vida, é moi difícil facerse un oco nas programacións”, lamenta a dramaturga. “Se algunha porta nos pode abrir o Premio Calderón de la Barca é ser programadas en moitos teatros”
O premio, que concede o Ministerio de Cultura, está dotado con 10.000 euros e inclúe a publicación da obra gañadora. Pulo á prometedora traxectoria desta dramaturga leonesa que se formou e desenvolve a súa carreira en Compostela.