RTVE noticias
Pescadores

Importante reducción de capturas nos últimos anos na ría de Arousa

  • Achácano a unha menor renovación das augas por haber ventos do nordés menos intensos

  • Mariscadores, bateeiros e ecoloxistas piden un estudo científico para identificar as causas

LORETO FERNÁNDEZ / RTVE GALICIA
2 min.

Milleiros de persoas viven do que produce a Ría de Arousa, a máis extensa de Galicia.

“Estamos falando do 57% das ameixas en relación á media da produción dos últimos vinte anos“

Mariscadores, bateeiros e ecoloxistas advirten da importante baixada das capturas que veñen notando nos últimos anos, o que provoca a lóxica inquedanza no sector. O biólogo Xaquín Pedrido ponlle cifras. "Estamos falando do 57% das ameixas en relación á media da produción dos últimos vinte anos". Neste caso infliu a marteilia, un parásito.

O nordés

“A diminución do nordés afecta á renovación das augas da ría. A mesma contaminación produce máis efectos “

Tras estudar os datos meteorolóxicos, os expertos destacan que non choveu máis nos útimos vinte anos, pero os ventos do nordés son menos intensos "A diminución do nordés afecta á renovación das augas da ría. A mesma contaminación, agora produce máis efectos que hai vinte anos, porque hai unha menor renovación das augas", sinala Pedrido.

Contaminación

O patrón maior de Cambados, Ruperto Costa, é consciente da contaminación marítima. "Facemos xornadas de limpeza dúas veces ao ano e quítase un motón de porquería do mar. Non respectamos moito o mar e o mar estao pagando".

“Facemos xornadas de limpeza dúas veces ao ano e quítase un motón de porquería do mar“

Mariscadores, bateeiros e ecoloxistas reclaman á Xunta un estudo científico para identificar as causas da caída das capturas, penalizar os vertidos. Piden á Xunta un estudo científico para identificar as causas e frear esa tendencia.