Noticias

Xela Arias, comprometida e innovadora

  • Galicia rende tributo no Día das Letras a unha poetisa, tradutora e editora que rompeu moldes e fuxiu de convencionalismos

  • É considerada unha das creadoras da industrial editorial galega

L. FERNÁNDEZ / O. CURRÁS / C. MATO / RTVE GALICIA
4 min.

En 1962 nacía Xela Arias en Sarria, en Lugo. Chegou ao mundo na mesma granxa-escola de Barreiros onde daba clases o seu pai, Valentín Arias, tradutor e ensaísta.

Malia que a familia se desprazou a Lugo cando ela tiña tres anos, a autora medrou e viviu sempre vencellada á cultura rural.A súa infancia e mocidade transcorreron, con todo, nun ambiente urbano.

A familia instálase definitivamente en Vigo, unha cidade en plena efervescencia cultural. “Nos pubs había recitais de poesía, eran os anos da movida”, lembra Fran Alonso, director de Edicións Xerais.

Defensora da normativa

O galego tiña que estar en pé de igualdade co resto das linguas do mundo e defendía que tiña que ter unha normativa

Ao rematar o Bacharelato, Xela interrompe os estudos e empeza a traballar na editorial Xerais, primeiro coma oficinista e máis tarde como tradutora. ”Era extremadamente meticulosa”, destaca a súa amiga e compañeira Celia Torres, responsable de promoción da editorial. “Tiña moi claro que o galego tiña que estar en pé de igualdade co resto das linguas do mundo e defendía que tiña que ter unha normativa”.

Alí demostrou axiña o seu empeño en traducir ao galego os clásicos da literatura universal, dende Cervantes, a James Joyce, Bram Stoker ou Baudelaire.

Xela Arias, unha poeta innovadora, inconforme e rebelde

'Inconforme' e rebelde

A poeta era “unha traballadora da palabra ata as últimas consecuencias” que rompeu co discurso poético que herdara, segundo explica Chus Nogueira, editora da obra Xela Arias Poesía Reunida (1982-2004) e profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

“Moitas veces chegaba a romper a lingua, a romper a sintaxe”. Tamén caracteriza a obra poética de Xela Arias “a modernidade das cuestións que trata” e que foi unha das poetas que “introduciu escenarios e unha temática urbana na poesía galega”.

Chus Nogueira engade que a poeta e tradutora revindicou moito a independencia da súa voz poética, “chegando a afirmar que non estaba interesada en grupos poéticos, nin en seitas”. Defendeu sempre a independencia da súa estética “á marxe de modas”, recalca esta experta na súa obra.

Socialmente comprometida

Xela Arias puxo o seu verso ao servizo de numerosas causas sociais e políticas como a declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, a oposición da entrada de España na OTAN, os movementos contra a marea negra do Prestige, e “mesmo no final da súa vida a guerra de Iraq”, lembra Chus Nogueira que define á escritora como unha persoa “rebelde na súa actitude vital” que reivindicou en varias ocasións a desobediencia como actitude vital e tamén poética. “Foi unha persoa, utilizando unha palabra que empregou ela, 'inconforme' coa orde establecida, cos valores herdados”.

As Letras Galegas de 2021 lembran a unha poeta rebelde e vangardista

Experimentadora da palabra

A obra de Xela Arias é sinónimo de experimentación coa palabra, pero tamén dunha busca constante de camiños para levar a poesía máis alá dos libros. Por iso participou activamente ó longo da súa vida en recitais poéticos, e enriqueceu os seus versos con ilustracións, fotografías ou música.

Buscou sempre as aristas do verso, destilando as palabras ata as últimas consencuencias

Montse pena, autora de Intempestiva. Biografía de Xela Arias, fala dunha pioneira e dunha autora sen xeración, "que se amosa inconforme co mundo no que vive e que emprega técnicas vangardistas".

Manuel Bragado, exdirector de Xerais define á poeta como cubista "buscou sempre as aristas do verso, destilando as palabras ata as últimas consencuencias".

Primeiros pasos

Os seus primeiros poemas atopámolos en xornais, revistas e fanzines. Mesmo escribiu algunhas letras para o grupo 'Desertores'.

En 1986 chega o seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio, onde empeza a cuestionar a orde establecida, tensando o máximo á linguaxe, cambiando pronomes de sitio, empregando neoloxismos ou xogando coa lonxitude dos versos.

Corpos espidos e maternidade

Outro dos celebrados títulos de Xela Arias é Tigres coma cabalos, no que os seus poemas comparten protagonismo coas fotografías de corpos espidos feitas por Xulio Gil. Unha obra que non foi entendida, e recibiu críticas por erótica.

Logo chegaría Darío a diario, libro dedicado ó seu fillo pouco despois de nacer. Nel Xela Arias reflexiona sobre a maternidade, fuxindo de tópicos e do concepto de posesión, como salienta Darío: "Ela vía que como pai e como nai tes moita autoridade sobre un neno. Tes que ser consciente desa capacidade de influencia que tes, e intentar exercela o menos posible".

Intempériome

Intempériome chegaría en 2003, pouco antes do falecemento da autora con 41 anos, e representa a depuración total do seu estilo. María Xesús Nogueira, estudosa e autora dunha recompilación da súa obra poética asegura que é "un libro radical, tanto nas cuestións que aborda coma na escritura".

Noticias

Televisión

Radio

Deportes

Infantil

A la Carta

Playz