Noticias

Reivindican a inclusión das mulleres no temario de Filosofía

  • Unha profesora do IES de Allariz iniciou unha recollida de sinaturas

  • Dos dez autores do temario para ABAU, non hai ningunha muller

DOMINGO BOBILLO / RTVE GALICIA
3 min.

María de Toro é profesora de historia da filosofía no instituto de Educación Secundaria de Allariz (Ourense) dende hai 12 anos. Nas súas clases ao alumnado de primeiro e segundo de Bacharelato sempre lles fala da contribución das mulleres á evolución do pensamento filosófico, malia ser un apartado que non está incluído no temario oficial.

Faino para compensar a eiva que hai no sistema educativo. Dos dez autores que ten que estudar o alumnado durante o curso e dos que se teñen que examinar na ABAU, non hai ningunha muller.

Son os mesmos filósofos que tiven que estudar eu hai 25 anos

“Son os mesmos filósofos que tiven que estudar eu hai 25 anos” laméntase María, “esa situación é inaceptable a estas alturas. Non é unha educación de calidade, porque estamos contando a metade da película, non estamos a ensinar toda a Historia. E as alumnas non teñen referentes, estamos ocultándolles mulleres que descubriron, inventaron, crearon cultura e teorías filosóficas e que non son coñecidas. Estámoas privando do dereito a coñecelas e esa situación ten que cambiar”.

Recollida de sinaturas

María ven de por en marcha na plataforma change.org unha campaña de recollida de sinaturas para pedir que se introduza algunha muller dentro do temario de historia da Filosofía e na ABAU. A petición vai dirixida ao Ministerio de Educación, á Consellería de Educación e á CIUG (Comisión Interuniversitaria de Galicia), o órgano que coordina a realización das probas de acceso á universidade.

Ademáis envioulles un escrito aos institutos de Galicia para que o profesorado se sume á súa iniciativa. “É unha responsabilidade das administracións”, sostén a profesora, “cumprir a lei de igualdade, que as mulleres aparezan nos currículos educativos. Non pode ser que só os profesores que teñen conciencia e sensibilidade neste tema fagan o que poidan nas súas clases, ten que ser algo universal”.

Apoio do alumnado, familias e Inspección Educativa

María conta co apoio da Inspección Educativa e asegura que nunca tivo queixas das familias por falarlles aos seus fillos de feminismo e da aportación das mulleres filósofas. O seu alumnado de segundo de Bacharelato tamén reclama o dereito a recibir unha educación máis igualitaria. Brenda considera “que é primordial facer cambios no sistema educativo para fomentar un progreso en igualdade”.

Estudar só homes é bastante aburrido

A Xavier “parécelle bastante incorrecto a exclusión das mulleres no temario de Filosofía, porque ao longo da historia hai moitos descubrimentos que fixeron as mulleres e que foron tapados por homes e eso leva a certa incultura”. Estela cre “que estudar só homes é bastante aburrido”. Clara e Marta opinan que se “hai anos se introduciu no temario de lingua castelá e literatura ás sinsombreiro da xeración do 27, a Carmen Laforet e a Delmira Agustini, tamén se poden introducir mulleres en historia da Filosofía”. Segundo a súa profesora, as filósofas de referencia que deberían estudar son as seguintes: Hipatia, Hiparquia, Christine de Pizan, Hildegarda, Olympe de Gouges, Harriet Taylor Mill, Mary Wollstonecraft, Simone de Beavoir, Simone Weil, María Zambrano, Carol Gilligan, Donna Haraway, Martha Craven Nussbaum ou Judith Butler.

Noticias

Televisión

Radio

Deportes

Infantil

A la Carta

Playz