Noticias

Un estudo xenético descobre as claves da capacidade de adaptación e resistencia do mexillón

  • Os investigadores lograron identificar 65.000 xenes, o dobre que os dun ser humano

  • Un "superbecho" con inmunidade innata con gran potencial para o tratamento de enfermidades

RITA ALONSO / RTVE GALICIA
3 min.

Despois de dez anos de traballo, un equipo coordinado por científicos do Consello Superior de Investigacións Científicas IIM-CSIC e a Universidade de Vigo encontrou as claves para comprender a gran resistencia e adaptación do mexillón mediterráneo (Mytillus galloprovinciais). Secuenciaron o xenoma completo da especie e descubriron unha variabilidade xenética inusual para un animal, incluso entre os que viven nunha mesma rocha.

Un súper organismo chamado mexillón

O mexillón é un súper organismo. Os investigadores lograron identificar 65.000 xenes, o dobre que os dun ser humano. O 20 por cento dos xenes varían entre individuos dun xeito excepcional. Non son compartidos, poden faltar ou estar nalgúns individuos e están relacionados coas funcións de supervivencia, o que explica a gran capacidade de adaptación e resistencia do bivalvo.

Antonio Figueras, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) en Vigo e coautor principal do estudo explica que "dos 65.000 xenes que encontramos, que teñen os mexillóns, hai 45.000 que comparten todos e outros 20.000 que poden estar ou non. E dis, non pasa nada, porque son "xenes parvos" , pero non, de "xenes parvos" nada. Son xenes que teñen importancia na resposta inmune, na resposta ante enfermidades, no crecemento, na reprodución...."

Primeira descrición dun panxenoma en animais

A investigación supón a primeira descrición dun panxenoma nun animal (metazoo), así como a existencia dun fenómeno masivo de presenza ausencia de xenes neste reino, algo que só se coñecía en microorganismos e, de xeito ocasional, en plantas, microalgas e fungos. O achado era tan incrible, que os investigadores pensaron que se trataba dun erro. Por iso ampliaron o estudo e secuenciaron outros catorce mexillóns de poboacións independentes de Galicia e Italia.

Resisten a contaminación e adáptanse a contornos diferentes

Esas diferenzas xenéticas entre individuos explicarían por que son tan fortes, incluso invasores. Filtrando auga resisten a contaminación e os patóxenos. Antonio Figueras explica que un mexillón filtra cinco litros de auga por hora expóndose a bacterias e patóxenos, "millóns de partículas virais distintas que hai, millóns de bacterias e aínda así mantense san e sen experimentar enfermidades nin mortalidade. Realmente é un superbecho".

Un superbecho mariño

Un superbecho con inmunidade innata que segundo os autores do estudo, agocha un enorme potencial para o tratamento de enfermidades. O mexillón contén unha grande cantidade de péptidos antimicrobianos, moléculas con actividade antibacteriana que, ademais, protexen fronte a virus de distintas especies, incluídos algúns humanos. Patentaron algunhas moléculas e hai empresas biotecnolóxicas estudándoas.

Figueras asegura que teñen capacidades contra todo tipo de microorganismos, "especificamente contra virus, tanto virus animais como virus humanos por exemplo contra herpes virus. Tamén se estudou con primos irmáns do coronavirus, e teñen un efecto antiviral. É dicir, que temos en España, e concretamente en Galicia, onde se concentra el 90 por cento da produción de mexillón española, unha fonte de riqueza que está aínda por explorar ".

O estudo pode servir tamén para mellorar a produción e a calidade, pero os expertos cren que Galicia, líder europeo de produción, amais de producir para comer, debería apostar pola riqueza molecular do mexillón.

O traballo, publicado na revista Genome Biology, tivo eco na famosa Science.

Noticias

Televisión

Radio

Deportes

Infantil

A la Carta

Playz