RTVE noticias

A Illa de Arousa compra un edificio incautado a Marcial Dorado para construír vivienda pública

  • A intención do concello e facer 15 vivendas para ofrecer oportunidades á veciñanza da Illa

  • O inmoble foi retirado da poxa de bens intervidos a tres históricos do narcotráfico

Loreto Fernández | Mario Goberna
2 min.

A Illa de Arousa inicia os trámites para adquirir un edificio intervido hai unha década a Marcial Dorado, condenado por narcotráfico. A intención do Concello é que esas 15 vivendas pasen a ser públicas, para ofrecer máis oportunidades á veciñanza dunha localidade que segue a perder poboación.

O edificio, próximo á lonxa da Illa de Arousa, consta de baixo e dous andares con 17 vivendas, aínda que dúas delas pertencen aos propietarios que permutaron os terreos para poder construír. En total, 15 pisos intervidos a Marcial Dorado, que agora pasan ao patrimonio municipal.

Oportunidade para os mozos da Illa

Luis Arosa, alcalde da Illa de Arousa, calcula que o traspaso será efectivo a finais de novembro. "A idea", explica o alcalde, "é facer vivienda pública. A nosa idea é que sexa para os nosos mozos, sobre todo, para que poidan permanecer la Illa de Arousa, non ter que ir a outros concellos e poder facer una vida, desarrollar a súa vida neste concello".

Un concello, apunta o alcalde, de 4.800 habitantes que non deixa de perder poboación. O inmoble xa foi retirado da poxa que se vai celebrar o 18 de novembro en Madrid, para sacar á venda bens intervidos a tres históricos do narcotráfico: Marcial Dorado, Sito Miñanco e o xa falecido Manuel Abal, o Patoco.

“Compramos este edificio por 1.300.000 euros e o Plan Nacional sobre Drogas nolo deixa pagar en dez anos“

"Unha das maneiras de poder construír e de poder facer vivenda pública", asegura Luis Arosa, "foi comprar este edificio por 1.300.000 euros, máis ou menos, que o Plan Nacional sobre Drogas nolo deixa pagar en cotas hasta dez anos".

Xestión da Xunta

As vivendas están aínda sen rematar, están ao 75 por cento. A intención do Concello é que a Xunta se faga cargo da súa xestión, ao ser a administración autonómica a que ten competencias en materia de vivenda.

Hai un ano, o Concello mercou tamén 3.500 metros cadrados de terreo intervido a Marcial Dorado para construír vivenda pública. A intención é poder adquirir a mansión que aínda ocupa o arousán na illa, e que pertence ao estado dende 2029.

O alcalde considera que será fácil atoparlle uso público: "Hai corenta mil cousas para facer con esa vivenda. Centros de día, residencias..., ten piscina e pistas de tenis que se poden usar para os máis novos".