RTVE noticias

Vacas cachenas limpan os montes de Gondomar para previr incendios forestais

  • Un proxecto promovido pola comunidade de montes de Couso que permite aforrar custos

  • Unha ducia de vacas guidadas por GPS eliminan a maleza e especies invasoras como a acacia

Aris González | Lucas Pereda
2 min.

Non consomen combustible e traballan todos os días. Estas vacas cachenas convertéronse nas novas rozadoras naturais do monte de Couso, en Gondomar, en Pontevedra.

Nove vacas, un touro e tres becerros pequenos, fan o traballo.

Aliméntanse da maleza e de especies invasoras como a acacia, unha planta que favorece a propagación dos incendios.

Contra as especies invasoras

Xosé Antón Araúxo, presidente da Comunidade de montes de Couso, explica que a acacia "é una especie moi difícil de eliminar que abarca moito territorio de xeito moi rápido. Temos aí un problema importante".

A iniciativa de levar as vacas ao monte nace dun acordo entre a comunidade de montes de Couso e un gandeiro da zona.

Con estas rozadoras naturais tamén aforran en labores de limpieza.

“1.500 euros por hectárea. Estamos a falar de 9.000 euros que nos podemos aforrar cada ano“

Xosé Antón Araúxo fai contas: "1.500 euros por hectárea. As vacas están nunha zona de seis hectáreas, estamos a falar de 9.000 euros que nos podemos aforrar cada ano".

O gando irá pastando de forma controlada por distintas parcelas para manter limpas ata vinte hectáreas de terreo.

Aarón Da Vila, o gandeiro encargado das vacas, conta como o fai: "Unha vez que miras que a comida baixa, rótalas a outra parcela para que esta volva botar algo de comida".

As vacas levan colares con GPS que se cargan con enerxía solar

Tecnoloxía para o pastoreo

A tecnoloxía xoga un papel fundamental. As vacas levan uns colares con GPS que cargan por batería solar.

Da Vila móstranos como funciona o dispositivo: "O colar, ao achegarse na aplicación ao perímetro que ti tes marcado, primerio pítalles. Se seguen avanzando e se pasan da línea, entonces si que lles dá una descarga eléctrica, para que volvan, retrocedan ao seu sitio".

Unha fórmula que demostra que a mellor ferramenta segue sendo a máis natural.