Noticias
Economía

O conflito pola titularidade do terreo pon en risco 250 empregos nunha empresa de lousa de Valdeorras

  • Os traballadores dunha louseira ameazada por unha orde de desafiuzamento retomaron as mobilizacións

  • O seu futuro está en mans da xustiza polo desacordo entre a empresa e a comunidade de montes

DOMINGO BOBILLO / RTVE GALICIA
2 min.

Os traballadores protestaron diante dos xulgados do Barco de Valdeorras. Reclaman xustiza para que se paralice a nova orde de desafiuzamento dos terreos que ocupa a louseira, previsto para o 29 de novembro.

De executarse, quedarían sen emprego 250 persoas. Son as vítimas da loita xudicial entre a empresa e a comunidade de montes que se considera dona dos terreos e que recorreu a súa expropiación forzosa.

Os traballadores opóñense ao desafiuzamento

Anxo García, secretario comarcal da CIG en Ourense indica que “se hoxe Irosa está traballando é exclusivamente porque os traballadores e as traballadoras que están aquí se plantaron e botaron fóra aos que ían desafiuzar a empresa. Se non, estaba precintada e a xente estaría pedindo o paro”.

A empresa tamén se atribúe a propiedade dos terreos. Por iso, asegura que a resolución do conflito só depende de que a comunidade de montes retire a solicitude de desafiuzamento ou de que o xulgado acceda a paralizalo ou a adialo.

Que nos queiran botar diso que é noso, a verdade é que non é normal. Esperamos que sen tardar a xustiza nos dea a razón

“Nós temos o dereito sobre os terreos propios, temos o dereito sobre o terreo expropiado”, asegura Rogelio López, presidente do grupo Irosa Samaca. “Que nos queiran botar diso que é noso, a verdade é que non é normal. Esperamos que sen tardar a xustiza nos dea a razón”, engade.

Para a comunidade de montes a solución pasa porque a empresa lle pida á Xunta que anule o proceso de expropiación dos terreos que segundo unha sentenza xudicial está a ocupar ilegalmente dende 2015.

Perdas millonarias

José Antonio Iglesias é o avogado da comunidade de montes: “A solución é que o peticionario da expropiación comunique ao órgano que expropiou estes terreos que desiste desa expropiación. A comunidade o único que pretende é recuperar eses terreos para seguir sendo titular dos mesmos”.

Como consecuencia deste conflito, a empresa non pode vender seis millóns de euros en lousa porque o almacén está precintado por orde xudicial.

Noticias

Televisión

Radio

Deportes

Infantil

A la Carta

Playz