Noticias
Coronavirus

A Xunta precintará lugares de botellón e pedirá PCR para entrar en discotecas e pubs en concellos de nivel medio

  • A desescalada corre perigo polo aumento dos contaxios entre os mozos

  • O comité clínico acordou pechar praias, parques e prazas entre as doce da noite e as seis da mañá para evitar botellóns

ANA LORENZO / RTVE GALICIA
2 min.

O comité clínico acordou pechar en toda Galicia praias, parques e prazas entre as doce da noite e as seis da mañá para evitar botellóns, que están prohibidos e supoñen, segundo Sanidade, "un foco de contaxio entre os máis novos". E para facelo pide a colaboración dos concellos. O lecer nocturno poderá abrir nas localidades en risco medio, que agora son dez, pero para acceder haberá que presentar unha PCR negativa das 48 horas previas ou certificado completo de vacinación.

Esta desescalada que iniciamos está en perigo, á vista dos datos que manexamos, e hai que tomar medidas

"Non tiñamos pensado dar marcha atrás, pero cando é necesario hai que facelo", admite o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Advirte de que "esta desescalada que iniciamos está en perigo, á vista dos datos que manexamos, e hai que tomar medidas" e volve facer un chamamento á prudencia: "Hai riscos que se poden evitar: seguir usando as máscaras e a distancia social, non beber na rúa, non fumar na rúa e evitar esas concentracións fóra de toda norma"

Máis cribados

Sanidade tamén intensificará os cribados masivos entre mozos de 18 a 35 anos. O conselleiro lamenta a baixa participación e fai un chamamento a que acudan aos cribados cando son convocados e mesmo se non teñen cita. Ou ben, ás farmacias onde facilitan test gratuítos de saliva. En só dez días os casos activos da covid duplicáronse entre a poboación moza, a máis vulnerable neste momento.

A xente moza tamén ten complicacións graves, ingresa nos hospitais e nas UCI e acaba con ventilación mecánica

"O risco cero non existe", asegura Pedro Rascado, médico da UCI de Santiago e membro do comité clínico. "A xente moza tamén ten complicacións graves, a xente moza tamén ingresa nos hospitais e nas UCI e acaba con ventilación mecánica. Ademais sabemos que hai consecuencias a medio e longo prazo da Covid crónica en pacientes mozos que tiveron un cadro leve", insiste Rascado, que xustifica que "por iso non podemos minimizar as consecuencias deste aumento da incidencia".

Estas medidas entran en vigor na medianoite do próximo sábado e deberán ser avaladas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Noticias

Televisión

Radio

Deportes

Infantil

A la Carta

Playz