Noticias

Máis de 100 barcos galegos e milleiros de empregos pendentes das negociacións do Brexit

  • O Reino Unido e a Unión Europea apuran un acordo de saída que debe ratificarse antes de final de ano

  • Está en xogo o acceso dos produtos británicos ao mercado europeo, con máis de 400 millóns de consumidores

RITA ALONSO / RTVE GALICIA
3 min.

sector pesqueiro está pendente das negociacións do Brexit. O Reino Unido e a Unión Europea apuran un difícil acordo de saída que deben ratificar os parlamentos antes de final de ano. A incerteza mantense.

O sector agarda que nestes días se resolvan os dous temas pendentes, a competencia xusta e a pesca. O Brexit duro, sen acordo, non está descartado, pero o Reino Unido xógase o acceso dos seus produtos a un gran mercado, o europeo, con máis de 400 millóns de consumidores.

Con acordo, recortes. Sen acordo, traxedia

Para Iván López, da Alianza Europea da Pesca, sería unha traxedia que non houbese acordo. Os problemas de acceso a augas británicas poderían afectar a máis de cen barcos galegos, do Gran Sol e outros que faenan nas Malvinas con bandeira española. "Eu creo que todo o que sexa un acordo que permita o fluxo comercial e o fluxo pesqueiro,  o máis próximo posible ao actual, permitirá que nun prazo de dous ou tres anos se absorban con certa normalidade e que isto non sexa unha traxedia".

Piden estabilidade

O sector asume que a Unión Europea terá que facer concesións e que as condicións de acceso a caladoiros e stocks pesqueiros compartidos, máis de cen, van mudar.

Se o que se obtén a cambio son negociacións anuais e un horizonte a tres ou cinco anos, será un desastre para a pesca

O que piden os armadores é que ese acordo sexa estable, longo no tempo. “A 25 anos como mínimo -di Iván López- para que as empresas poidan adecuar o negocio á situación e acometer axustes e investimentos. Se o que se obtén a cambio son negociacións anuais e un horizonte a tres ou cinco anos, será un desastre para a pesca".

Se chegan a un acordo de recortar cotas e acceso, o sector valorará o impacto.

Máis de cen barcos galegos faenan en augas británicas

As cifras de posibles afectados axudan a entender a preocupación. Os armadores de Vigo fan contas. 88 barcos faenan en augas do Gran Sol e uns 20 en augas de Malvinas con bandeira española. Hugo González, portavoz dos Armadores de Vigo (ARVI) fala desa incerteza. "Que podemos sufrir? Aínda non o sabemos. Calquera redución da cota é malo, que non haxa acordo é moi malo. Hai moitos centos, milleiros de postos de traballo directos a bordo e todo o que se relaciona en terra co sector mar-industria".

Os armadores vigueses valoran os dous escenarios posibles. O bo sería que todas as frotas da UE e o Reino Unido puideran seguir pescando e importando e exportando peixe, pero asumen que haberá recortes nas cotas. No peor dos casos terían que desprazar os barcos ao sur de Irlanda. "Haberá desprazamentos do esforzo pesqueiro. Os franceses tamén quererán faenar alí. A ver como nos pelexamos polo espazo", augura Hugo González.

Por diante quedan días de intensas negociacións cos ollos do sector postos en Bruxelas.

Noticias

Televisión

Radio

Deportes

Infantil

A la Carta

Playz